Premio Lugo Emprende

 

BASES E CONVOCATORIA DO IV PREMIO LUGO EMPRENDE 

Primeira: Requisitos dos candidatos.

 1.-Poderá ser candidato calquera empresario que non supere a idade de 40 anos e  que a súa empresa teña a sede social na provincia de Lugo.

2.-Ser o propietario maioritario, principal impulsor, e responsable dos recentes éxitos da empresa. No caso de non ser socio maioritario e ter unha participación superior ao 20% poderá presentar a súa candidatura, previa a conformidade dos seus socios; para iso deberá presentar autorización por escrito daquel outro socio/s no que conste que supera o 50% da propiedade, autorizándolle á levar a cabo a súa presentación da candidatura e participación no Premio. A empresa non poderá estar participada maioritariamente por entidades ou empresas de titularidade pública ou privada.

3.-Nos últimos exercicios a empresa deberá poder acreditar que experimentou crecementos progresivos no número de empregados e na facturación.

4.-Non  poderán presentar as súas candidaturas os membros actuais da  Xunta Directiva de AJE Lugo.

Segunda: Ámbito Territorial

As empresas candidatas deberán de ter o seu domicilio na provincia de Lugo.

Terceira: Procedemento do concurso.

Abrirase un prazo de presentación de candidaturas, que non poderá ser inferior a quince días, e nos que as empresas interesadas formalizarán a súa candidatura. Para isto habilitarase no espazo web  www.ajelugo.com  un modelo orientativo de de memoria a dispor dos candidatos.

A cronoloxía do premio sería a seguinte: 

-Durante o mes de novembro: prazo de presentación de candidaturas ao IV Premio Lugo Emprende.

-4 de novembro: presentación a medios.

-28  de novembro: acto de entrega do Premio.

Cuarta: Criterios de valoración.

 Para levar a cabo a valoración das candidaturas teranse en conta especialmente os  criterios seguintes:

a)     Creación de emprego estable e de calidade.

b)     Carácter innovador do proxecto.

c)      Grao de proxección provincial, autonómica ou nacional da empresa.

d)     Investimentos e emprego de boas prácticas na xestión empresarial: especial referencia as áreas de Prevención de Riscos Laborais, Responsabilidade Social Corporativa, Conciliación Laboral e Familiar, respecto polo Medio  Ambiente, Políticas de Igualdade de Xénero etc.

e)     Evolución experimentada nos últimos anos (facturación, beneficios, etc.)

f)       Participación do empresario en máis empresas ou sociedades.

 Quinta: Obxectivos.

Entre os obxectivos básicos para promover o IV PREMIO LUGO EMPRENDE, destacan os seguintes:

          Fomentar a cultura empresarial.

          Apoiar e estimular aos novos emprendedores.

          Promover o autoemprego e a creación de empresas entre a sociedade lucense.

          Ser foro de debate de ideas empresariais.

          Colaborar no desenvolvemento do noso contorno.

          Propiciar o intercambio de experiencias empresariais entre os  mozos

           empresarios.

          Contribuír á mellora do prestixio social dos mozos empresarios lucenses en  particular, e galegos en xeral, como creadores de riqueza e de emprego.

          Incentivar os proxectos que xeren: innovación, permanencia no mercado, creatividade, implantación de procesos de calidade, incremento no volume de mercado, expansión, creación de postos de traballo e conciliación de vida laboral  e familiar.

Sexta: Xurado.  

O Xurado do IV PREMIO LUGO EMPRENDE estará formado por un representante de cada unha das entidades e organismos públicos colaboradores do Premio así como do Presidente da Asociación de Jóvenes Empresarios de Lugo que actuará en calidade de secretario da mesa. 

Sétima : Dotación dos premios.  

 A dotación dos premios consistirá en formación da Escola de Negocios Nova Caixa Galicia, valorada en 4.000 euros.

Nesta edición o premio dividirase en duas categorías: 

            Premio Joven Empresario Junior, dirixido a aquelas empresas con 3 anos ou menos de actividade, dotado con 2.000 euros.

            Premio Joven Empresario Senior, dirixido a aquelas empresas con 3 anos ou máis de actividade, tamén dotado con 2.000 euros. 

Oitava: Documentación. 

  Documentación obrigatoria:  

a)        Modelo normalizado de presentación de candidaturas (facilitada por AJE Lugo).

 b)        Declaración xurada (facilitada por AJE Lugo).**

 **(A presentación desta declaración non exclúe ás posteriores comprobacións de  documentos acreditativos que puidera levar a cabo o Xurado para a verificación  dos datos).

 Documentación optativa:

 a) Fotocopias de calquera tipo de certificación da empresa (calidade, protección de datos, prevención de riscos laborais, premios, distincións, etc.)

b) Folletos ou dosieres publicitarios, anuncios, mencións e aparicións en prensa etc. Tamén se poderá incluír como documento anexo unha presentación da empresa en soporte dixital (cd/dvd).

Novena: Confidencialidade dos datos.

A documentación facilitada polos participantes estará a disposición, exclusivamente, do Xurado para o estudo das propostas e será confidencial nos datos sinalados como tales; podendo a Asociación facer uso dos nomes dos participantes, imaxe corporativa e material gráfico en relación á promoción do Premio.

Décima: Propostas e Prazo de Presentación de Candidaturas. 

 Deberá de presentarse persoalmente o Modelo normalizado de presentación de candidaturas, que se pode recoller na sede da Asociación de Jóvenes Empresarios de Lugo-AJE Lugo, Palacio de Feiras e Exposicións, Avenida dos deportes s/n, vivero 19, 27004 Lugo. Tamén pode ser válida a presentación mediante remisión por correo certificado á mesma dirección ou por correo electrónico a info@ajelugo.com  .

O prazo de presentación de candidaturas vai dende o 4 ao 18 de novembro (ambos inclusive). As candidaturas deben dirixirse á sede de AJE LUGO indicada  anteriormente.

Undécima: Entrega de Premios.

Os gañadores finais do Premio daranse a coñecer nun acto público do que se dará cumprida difusión nos medios de comunicación. Será requisito imprescindible a asistencia dun representante de cada unha das empresas candidatas ao acto de entrega do Premio.