
A Concelleira de Economía e Emprego, Sonia Méndez, a Vicerreitora Adxunta de Infraestruturas e Servizos da USC, Marta Miranda Castañón, o Presidente da Fundación CEL, Luís García Santalla, e o Presidente da Asociación de Xóvenes Empresarios, Santiago Seijas, presentaron o programa dos actos de celebración do IV Día do Emprendemento, no que tamén participa a Cámara de Comercio de Lugo.
O completo programa organizado polo Concello de Lugo, que se celebra por cuarto ano no edificio do CEI-NODUS, terá lugar o vindeiro día 19 de maio a partir das 9:30 horas. Con estas actividades e relatorios o Concello de Lugo, pon un ano máis as instalacións municipais do CEI-NODUS situadas no cuartel de Garabolos a disposición do emprendemento e das novidades empresariais. Todos os responsables destacaron a importancia de traballar en equipo para sacar adiante os proxectos.
A Concelleira destacou que “Lugo é unha cidade privilexiada ao contar con tres viveiros de empresas que funcionan con éxito, e aos que queremos dar un pulo para que cada vez sexan máis os mozos e mozas os que se animen a crear as súas propias empresas”. Ademais Méndez explicou que “este día é unha xornada lúdica coa que pretendemos trasladar un espíritu de optimismo fronte a difícil situación económica actual e, por iso, a maioría das conferencias versarán sobre como converter a crise nunha oportunidade”.
O presidente de AJE Lugo, Santiago Seijas Alfonso, presentará a ponencia que comezará as 16:30h, baixo o título Xestionando a ilusión: como liderar e motivar eficazmente en tempo de crise, a cargo de Emilio Duró Pamies, socio fundador de Iter Consultores, empresa líder en asesoramento a empresas. Dende hai máis de 20 anos, Duró traballa como consultor e formador nas primeiras empresas do país en diversos sectores, ademais de ser un conferenciante internacional de prestixio. Dedica unha parte importante do seu tempo ao estudio da aprendizaxe nas idades máis tempranas. É un fervente convencido de que é na familia e durante os primeiros anos de vida, cando se desenvolven os aspectos máis importantes da personalidade e dos factores que determinan o comportamento futuro do individuo. Isto permítelle demostrar a través de experiencias e anécdotas que os fracasos profesionais raramente se deben a causas técnicas e si ao desenvolvemento emocional.
